Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega ILLA
Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega ILLA
Universidade da Coruña
Glosario
da poesía medieval profana
galego-portuguesa

Proxecto

O proxecto Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa é realizado cun plano de traballo que contempla diversas etapas:

1. Ordenación, delimitación e preparación inicial do corpus para permitir a dicionarización de todo o léxico

Esta tarefa, previa á elaboración do glosario, esixiu os seguintes pasos:

a) Ordenación de todas as cantigas conforme o sistema referencial de Jean Marie d’Heur que, fronte á numeración de Giuseppe Tavani, estabelece unha secuenciación numérica que parte da colocación dos textos nos cancioneiros, de maneira que resulta máis eficaz para calquera consideración de tipo xenérico e lingüístico e, sobre todo, para unha referencia máis simple para cada contexto (Tabela das cantigas accesíbel aquí).

b) Delimitación do corpus, que está constituído por todas as cantigas trobadorescas profanas en galego-portugués. Non se consideran, pois, os escasos textos ou fragmentos noutras linguas (latín, castelán, provenzal) nin tampouco as laudas marianas nin as cantigas tardías incrustadas nos apógrafos italianos.

c) Revisión e aggiornamento ecdótico-editorial de todos os textos, co recurso ás edicións críticas existentes e ao confronto cos manuscritos que transmitiron a lírica profana, fundamentalmente Cancioneiro da Ajuda (A), Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B), Cancioneiro da Vaticana (V), Pergamiño Vindel (N) e mais o Fragmento Sharrer (T). Neste proceso editorial previo á realización do glosario, en principio foi concedida preeminencia a A fronte a BV (e a B face a V), de igual modo que para as cantigas de Martin Codax as leccións do pergamiño Vindel tiveron preferencia sobre as dos apógrafos italianos.

d) Aplicación coidadosa a todo o corpus das Normas de edición para a poesía trobadoresca galego-portuguesa (ed. de Manuel Ferreiro & Carlos P. Martínez Pereiro & Laura Tato Fontaíña, 2007), que, a pesar da “regularización” gráfica (sempre coa máis escrupulosa fidelidade á realidade textual), non altera a substancia lingüística do corpus e facilita grandemente o tratamento unitario e informático e os seus resultados (Normas accesíbeis aquí).

2. Elaboración das concordancias a través dun programa informático ad hoc (COMEGA) e aplicación deste a todo o corpus

No relativo ás técnicas informáticas para a elaboración do glosario, a pesar de existiren numeroso programas de concordancias de aplicabilidade xeral (ex.: TACT [Textual Analisys Computing Tool]), a especificidade do corpus exixiu o deseño dun programa de concordancias ad hoc (COMEGA = Concordancias Medievais Galegas), que contemplase todo tipo de marcas gráficas (fundamentalmente colchetes e diversas marcas diacríticas) e que fose simple, rápido, adaptado ao corpus e versátil, para que se puidesen introducir progresivamente novas instrucións e especificacións e para procesar o tratamento informático dos materiais lingüístico-literarios.

3. Elaboración do Glosario crítico da poesía medieval profana galego-portuguesa

Este Glosario inspírase basicamente na metodoloxía de confección de dicionarios convencionais, coas adaptacións e limitacións que un vocabulario deste tipo leva consigo (corpus cerrado, problemas interpretativos, ambigüidade de tipo expresivo-literario etc.). Así, a metodoloxía de referencia para este traballo partiu dos glosarios elaborados previamente, nomeadamente o de Walter Mettmann para as Cantigas de Santa Maria, o de Carolina Michaëlis de Vasconcelos para o Cancioneiro da Ajuda e algúns concretos presentes en edicións críticas de autores individuais.

Así, a partir do material lingüístico resultante do tratamento informático, realizouse unha desambiguación inicial das concordancias e estabeleceuse o modelo e a tipoloxía das entradas do glosario, quer lexicais, quer gramaticais, coas súas especificidades. Ao mesmo tempo, houbo que delimitar equilibradamente todos e cada un dos contextos correspondentes a cada voz dicionarizada.

4. Publicación do Glosario

A publicación dos resultados do proxecto Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa é feita de modo progresivo, seguindo a orde alfabética, a partir de marzo de 2014, con finalización prevista en decembro de 2015. Para a transferencia dos resultados, é utilizada a web pública, de libre acceso á comunidade investigadora e, en xeral, a todas as persoas interesadas. 

5. Revisión e novas versións do Glosario

Glosario está en permanente revisión, de modo que van aparecer sucesivas versións, cada vez máis complexas, coa progresiva incorporación de novos datos na análise lexical e con diversas melloras na arquitectura da web, ao tempo que os datos do glosario permiten tamén revisar de novo algunhas pasaxes das cantigas que son textualmente problemáticas.