I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 120-121 [= LPGP 472]); Cohen (2003: 185); Littera (2016: I, 557).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 122); Braga (1878: 58); Machado & Machado (1952: III, 379).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 51-52); Nunes (1959: 291-292); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 110); Magalhães (2007: 91).
1 en] eu B 3 querria] queria B 4 morrer] moirer B 6 tarda] tara V 9 faz-mi] farmi V 14 viver] ui’iu V
En Nunes os versos estróficos son hexasilábicos.
3 erga-lo meu] ergo o meu Nunes : ergo lo meu Littera; querria] queria Nunes 5 sempr’e] sempre Nunes, Cohen, Littera 7 ergo o meu] erga-[l]o meu Cohen : ergo lo meu Littera; querria] queria Nunes 10 se rostro outr’olho cata] se rostro outro lho cata Nunes : se outro rostro cata Littera 11 ergo o meu] erga-[l]o meu Cohen : ergo lo meu Littera; querria] queria Nunes
(I) Eu nunca durmo nada pensando no meu amigo: el, que tanto tarda, se ten outro amor consigo agás o meu, querería morrer hoxe mesmo.
(II) E penso nisto sempre e non sei que vai ser de min: el, que tanto tarda, se outro ben desexa agás o meu, querería morrer hoxe mesmo.
(III) Se o fai, é inxusto comigo e, por Deus, mátame cruelmente: el, que tanto tarda, se os seus ollos catan outro rostro agás o meu, querería morrer hoxe mesmo, (1) pois sería daniño para min vivir un día máis.
Esquema métrico: 3 x 13’a 13’a 6’B 6’B + 6’b 6’b (= Tav 37:4)
Encontros vocálicos: 1 dór·mi͜o; 10 rostro‿outr’
A disposición métrica de Nunes é diferente: 6’a 6’b 6’c 6’b 6’D 6’D.
A estratéxica colocación de el (o amigo) no inicio do 2º verso de todas as cobras (vv. 2, 6, 10) xera unha especie de anacoluto semántico, pois o suxeito de querria morrer é eu (a amiga).
Aínda sendo posíbel o uso do copretérito nesta pasaxe, acae mellor o pospretérito que achega a copia de V, de modo que probabelmente o <queria> de B sexa produto dun lapso de copia.
Obsérvese a variación no refrán (anulada en todas as edicións anteriores) coa utilización da variante ergas (con asimilación do artigo) da variante máis xeral ergo ‘excepto’: Nunes e Littera unifican sobre a forma xeral ergo ‘excepto’, fronte a Cohen, que xeneraliza a variante ergas (erga-lo meu). No caso de Littera, a intromisión ecdótica é maior por canto converte a asimilación presente en erga-lo meu en ergo lo meu; isto é, propón a consideración da variante arcaica posvocálica do artigo (lo) nesta e nas seguintes estrofas.
Sen dúbida, a forma ergas da primeira ocorrencia do refrán é de uso fundamentalmente poético, pois foi só utilizada por Martin Codax (1298.14 e 17, 1300.14 e 17) e mais Afons’Eanes do Coton (1590.10); canto á súa orixe, debe ser creación analóxica a partir de formas adverbiais como foras, nuncas ou certas (véxase Ferreiro 2018a: 177). Cfr. nota a 27.4.
A expresión oj’este dia, locución adverbial equivalente a ‘hoxe’, é a formulación xeral corpus trobadoresco (tamén en 983.7, 1288.1, 1467.5), aínda que pode aparecer con interpolacións (cfr. Se oj’el este dia / soubesse, migo iria, 736.5) ou sen a presenza do demostrativo (oje dia cuidades que venha?, 682.3). En calquera caso, resulta significativo que oj’este dia represente exactamente o hodie latino (> hoje), con orixe en hoc die ‘(n)este día’.
Para a cabal comprensión do segundo hemistiquio debe considerarse que, na secuencia lóxica da frase, o indefinido outro vai posposto a olho, de modo que deberemos interpretar a secuencia como ‘se (o seu) ollo cata outro rostro’; isto é, ‘se o amigo mira para outra muller’. O texto editado en Littera é resultado dun modus operandi demasiado interventivo e ten como resultado unha refacción banalizadora da lección dos manuscritos.
A posposición ao substantivo dos determinantes indefinidos, demostrativos etc. que se rexistra en rostro outr(o) é rara na lingua antiga (e moderna); no corpus trobadoresco volve aparecer o indefinido outro invertido en conselh’outro (138.31, 241.9), afan outro (353.12), mal outro (379.10) e pescad’outro (1665.18), para alén da posposición do demostrativo en comendadores estes (1430.18). Na produción prosística medieval tamén se achan esporadicamente posposicións iguais ou similares. Véxase na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España: et com̃o gaanara a nobre çidade de Ualença et outros castelos muytos; et durou bẽ quatro ãnos que fezo cantar missas muytas; Et estaua y Abiabis cõ duzentos caualeyros et outra gente muyta (Lorenzo 1975: I, 642 e 740); na tradución galega da General Estoria: et fez ella os panos menores ante queos omẽ do mũdo fezesse nẽ outro algũ (Martínez López 1963: 159); na Crónica Troiana: Ca sabede, [...], que el rrey Príamos auj́a trijnta et tres fillos outros (Lorenzo 1985: 230); no Livro de Linhagens do Conde D. Pedro: havia dous irmãos outros; e era compadre d'el rei d'Aragom e seu amigo muito; E teve outras terras muitas (Mattoso 1980: I, 81, 151 e 163); na Crónica Geral de Espanha de 1344: Outros algũus er diziam que, [...], que elles receberõ ella e seu filho por senhores de Castella (Cintra 1990: IV, 364); na Crónica de D. João I: e foi assi que lhe deu elRei Alva de Tormes, e Reall de Maçanalles, e logares outros; passariam de trezemtas lamças afora homeẽs de pee e beesteiros poucos (Fernão Lopes 1994: I, 106 e 300); na Crónica de D. Afonso Henriques: com quatro Reis outros (Duarte Galvão (1995: 49); ou, aínda, nun documento portugués de 1583: não pode ser entrar nella pessoa outra alguã, que não pode entrar no mosteiro (Gomes 1998: 448).